Wednesday 15 de May de 2024

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia foi nomeada Cofrade de Mérito pola Confraría de Viño Ribera del Guadiana


O acto tivo lugar durante a conmemoración do Centenario da Estación Enolóxica de Almendralejo

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) foi distinguida co título de Confrade de Mérito da Confraría do viño Vino Ribera del Guadiana y del Cava, fundada no ano 1980 coa misión de desenvolver a cultura do viño en xeral e moi en particular a do viño da Ribera del Guadiana e o Cava de Almendralejo.

Durante o acto de entrega, o presidente da Confraría salientou o traballo desenvolvido polas Estacións Enolóxicas no mundo do viño, xa que ademais da Evega foron tamén galardoadas as Estacións de Almendralejo (Badaxoz), Jumilla (Murcia), Castela e León, Haro (A Rioxa) e Requena (Valencia).

Pola súa parte, o director da Evega, Juan Casares, agradeceu o recoñecemento que “serve coma estímulo para un centro que leva trinta anos traballando para o sector do viño en Galicia, facendo investigación, impartindo formación e prestando servizos analíticos e de asesoramento”.

O acto enmarcouse dentro da celebración do Centenario da colocación da primeira pedra da Estación Enolóxica de Almendralejo. Antes da entrega dos diplomas celebrouse unha mesa redonda co título “Pasado, presente y futuro de las Estaciones Enolóxicas”, no que participaron os directores dos centros de Almendralejo, Haro e Galicia. Durante a súa exposición, Juan Casares apostou firmemente polo papel deste tipo de entidades que “no caso da Evega se atopan no verdadeiro centro do sector”.